02/07/08


O sábado, 5 de xullo, no curso dun acto político público vaise conmemorar o XX Aniversario da Frente Popular Galega. Será a partir das 18,00 horas na Carballeira de San Amaro, na parroquia de Aldán, pertencente ao concello de Cangas do Morrazo.

A continuación haberá unha cea de confraternidade para militantes, convidad@s e simpatizantes.

No acto político, que será presentado por Mónica Camaño, van intervir: Begoña Martínez, Xurxo Martínez, Catuxa López, X. L. Méndez Ferrín e Mariano Abalo.

O apartado musical será protagonizado por Leo i Arremecághona, na súa versión de cantautor, recuperando as cancións galegas de intervención e loita que no seu día interpretaran Voces Ceibes e Suso Vaamonde.

Haberá tamén gaiteiros que traerán un amplo repertorio de música tradicional galega.

Está confirmada a presenza de delegacións de distintas organizacións xuvenís, políticas, sindicais ou culturais do noso país convidadas a este acto como: ADIANTE, CIG, CUT, Sindicato Labrego Galego, Movemento pola Base, Colectivo Nacionalista de Marín, PCPG, Redes Escarlata, Asociación Galego-Cubana Francisco Villamil...; así como persoas a título individual, nomeadamente moitas que forman ou formaron parte ao longo dos anos da FPG.

Desde o mesmo momento da súa fundación, en 1988, a Frente Popular Galega vén mantendo os principios políticos propios do nacionalismo de esquerdas desde a refundación dos anos 60 do pasado século cando aparecen o PSG (Partido Socialista Galego) e a UPG (Unión do Pobo Galego), sintetizados nun lema que nos caracteriza: “Independencia e Socialismo”.

A FPG é profundamente crítica co réxime monárquico e maniféstase insatisfeita co sistema constitucional e autonómico que, consideramos, impide un pleno desenvolvemento de Galiza como pobo e como nación. O dereito de Autodeterminación debe ser conquistado para superar décadas e séculos de colonialismo económico, cultural e político.

Neste tempo, xa no século XXI, os maiores esforzos da FPG concéntranse na reformulación da esquerda nacionalista, reformulación necesaria para reconducir un proceso histórico que ven sufrindo desviacións continuadas por parte dos núcleos dirixentes do BNG, ou nacionalismo unionista, como en boa lóxica debe ser denominado.

En Galiza, a 2 de xullo de 2008

ecoestadistica.com