01/08/08

O Espiral na rúa!

A FPG vén de editar, coincidindo co Día da Patria, o número 0 do Espiral, inaugurando deste xeito a terceira xeira da histórica publicación independentista.

De novo, pois, o Espiral percorre os camiños da nación, convertido nunha revista de reflexión e pensamento crítico de cariz político, sindical, medioambiental, cultural... Non quere ser o voceiro, en sentido estrito, dunha organización política senón unha ferramenta aberta que a FPG pon a disposición do movemento obreiro e popular, fiel ao socialismo, á autodeterminación e á independencia nacional.

Un novo chanzo co que a FPG neste 2008, ano do noso vixésimo aniversario, pretende remozar e afortalar o proxecto de liberación nacional e social. A militancia da FPG asume a conxuntura actual centrando os nosos esforzos no traballo e na promoción da alternativa nacionalista de esquerdas. Xa o dixemos e o Espiral é un instrumento común.

Este número achega traballos e artigos de diferentes eidos e de actualidade, como un clarificador traballo da loita do pobo cangués en defensa do espazo natural e histórico do Salgueirón ou a situación enerxética en Galiza. Velaí o sumario:

Galerías Centrais, Chus Pato.
A época semiclandestina de Espiral, de X.L. Méndez Ferrín e X.M. García Crego.
Anotacións históricas da FPG no seu vixésimo aniversario, de Xurxo Martínez.
Massó: un exemplo da loita do pobo contra o capital, de Daniel González.
Sindicalismo de clase, abertzale e sociopolítico. Entrevista a Rafa Díez.
O modelo neoliberal en crise: razóns e alternativas, de X. F. Miranda Vigo.
Outsiders de Nós, de Pedro Alonso Iglesias.
Apuntes para pensar na realidade laboral de Galicia, de Manolo Camaño.
Política lingüística de salvación nacional, de X.L. Méndez Ferrín.
Literatura e independencia, de Anxo Angueira.
O falso dilema da literatura galega, de Constantino Bértolo.
A descolonización de Porto Rico na ONU, de X.M. García Crego.
Placas, rúas, avenidas… A memoria da represión franquista, de Manuel Igrexas.
Redes Escarlata: Nós tamén navegar, de Xabier Cordal.
A cidadanía excluída, de Francisco Sampedro.
Dende o Prestige á desmobilización social. Tres anos de goberno, de Manolo Besteiro, Antón Dobao e César Lago.
Tres anos de bipartito e unha crise económica. Valoracións, análise da FPG.
O ai da relación sexual ou que sabemos realmente de Simone de Beauvoir?, de María do Cebreiro.
Fisterra, de Chus Pato.

Son 76 páxinas nun formato atractivo e de doada lectura. O Espiral pode ter a responsabilidade de ser unha verdadeira palestra teórica da nosa reformulación nacional e popular en todas as vertentes porque a nación galega se constrúe dende abaixo e dende diferentes perspectivas da realidade.

Velaí, logo, o novo Espiral, o Espiral do século XXI.

Pódese contactar coa redacción en espiral@frentepopulargalega.org

ecoestadistica.com