21/06/08

Unión Europea, máis xornada de traballo, máis capitalismo salvaxe

Xosé Lois Romero Falque

Unha nova Directiva Europea aprobada polo Consello de Europa pretende incrementar a taxa de explotación do traballo asalariado por medio do método que conta con máis antigüidade no sistema capitalista, a prolongación da xornada laboral, neste caso a 65 h. semanais.

A reivindicación da redución da xornada laboral é para o proletariado internacional a pedra angular da loita de clases no seu nivel básico. Lembremos que por esta reivindicación pagaron coa vida os mártires de Chicago, polo que o capitalismo non é precisamente innovador ou moderno como se nos pretende facer crer, senón que sempre se comporta como retrogrado, reaccionario e depredador.

Marx xa estudou o comportamento da prolongación legal ou irregular da xornada laboral como un dos elementos substanciais que permiten explotar ós obreiros por cima do traballo socialmente necesario, o que garante a obtención dun excedente económico do que se apropia gratuitamente, sen pagar por esas horas excedentarias. Así mesmo permite incrementar paulatinamente a taxa de explotación que sempre debe ser actualizada posto que as propias leis do mercado levan a que esta sexa continuamente reducida en detrimento do beneficio capitalista. Por iso tamén o capitalismo está permanentemente en crise.

O instrumento institucional do Capitalismo trasnacional e da oligarquía dunha parte dos estados europeos que é a “Unión Europea”, aplica unha nova volta de torca contra dos dereitos dos traballadores que ataca de vez algo máis que os límites á prolongación da xornada laboral, establece a negociación individual entre traballador e empresario da xornada de traballo. Vai fundamentalmente contra da principal arma que ten o movemento obreiro e os sindicatos de clase, como é a contratación colectiva ou negociación colectiva, para a mellora continúa das condicións de vida e traballo da clase obreira, respostando ós seus intereses máis inmediatos e facilitando a organización e mobilización en colectivo, único xeito de poder opoñer algo de forza fronte á prepotencia capitalista.

Pretende esta directiva, xa que logo, alongar a actual xornada máxima establecida para os estados da Unión Europea de 48 hs. semanais, que no estado español é de 40 hs. semanais aínda que con diversos matices segundo os sectores de actividade e que no estado francés estaba xeneralizada nas 35 hs. semanais, hoxe en regresión.

Os comunistas galegos temos moi claro que este retroceso nos dereitos da clase obreira e dos asalariados en xeral responde á situación da correlación de forzas nos estados europeos que benefician claramente as posicións do capitalismo neoliberal que impoñen as trasnacionais, verdadeiro goberno cada vez menos na sombra. A traizón e o desmoronamento das posicións socialdemócratas, o debilitamento ou desaparición de moitos dos partidos comunistas europeos e a traición das direccións das organizacións sindicais de clase domesticadas na CES, Confederación Europea de Sindicatos, leva a que o movemento obreiro somatizado por un sindicalismo de servizos, máis preocupados pola súa financiación que polos seus obxectivos de clase, non teña forza para opoñerse ás medidas capitalistas máis radicais e que esqueza as súas principais reivindicacións.

Os comunistas galegos temos que continuar a impulsar na sociedade e no movemento obreiro galego a reivindicación estratéxica da redución da xornada laboral a 35hs. semanais sen redución salarial e como medida de creación de emprego por ser un dereito fundamental da clase obreira e de todos os traballadores asalariados pero tamén como unha demanda de todo o pobo como medida de avance social sen parangón, para avanzar no pleno emprego, no dereito dos obreiros a educación e á cultura e polo dereito ó ocio.

Estamos a ver como en Galicia permanentemente se veñen incumprindo os límites legais da xornada laboral e a realización de horas extraordianarias é o común en moitos sectores como o naval, a construción, hostelaría, etc. Loitar contra a prolongación da xornada e as horas extras dende a bandeira das 35 hs. semanais, require un importante labor de educación e de impulso na batalla das ideas dentro das propias organizacións de clase e no seo da clase obreira en xeral, esta batalla témola que impulsar os comunistas con todo o sentido histórico e de clase que comporta.


En Vigo, a 20 de Xuño do 2008

ecoestadistica.com