Produción Enerxética: Lucro Colonial
Campaña de denuncia da FPG sobre o carácter colonial da explotación dos recursos naturais de Galicia para a produción de enerxía.
“Hay una subvención indirecta de Fenosa a Galicia en la distribución, porque el coste del servicio es inversamente proporcional a la densidad de la distribución, y Fenosa gasta más para dar en Galicia la misma calidad de servicio que en Madrid.”
Pedro López Jiménez, presidente de Unión Fenosa.
Nunca ninguén ousara dicir tal cousa. Tales palabras foron pronunciadas o día 31 de marzo de 2008 na cidade de Vigo polo presidente de Unión Fenosa. Ben sabemos que unha parte da frase é certa: a maior diseminación poboacional, maior cantidade de metros de cable; pero atreverse a falar de calidade no servizo da subministración eléctrica é un insulto aos consumidores. En todo caso, canto non lle debe Unión Fenosa a Galicia?
Son moitos anos aturando o uso indiscriminado do noso territorio para a produción de enerxía con destino, fundamentalmente, á exportación. Foron Fenosa e Iberdrola, que explotaron ao máximo os ríos Miño e Sil, e os seus afluentes respectivos, asolagando os mellores vales e provocando o paro e a emigración de milleiros de persoas; foron a propia Fenosa e mais Endesa, coa explotación de lignito, tamén para a produción de electricidade… e dunha contaminación que chegaba polos aires a Irlanda e ás Illas Británicas; foron ducias de minicentrais concedidas, especialmente, baixo o goberno de Fraga Iribarne; foi a instalación de Reganosa, a regasificadora de Mugardos;…
Unha historia que non ten fin, e que continúa hoxe coa instalación de parques eólicos por toda a nosa xeografía. Os nosos montes aparecen do día para a mañá inzados de muíños de vento: no Suído, na serra da Capelada, na Barbanza, a cada pouco unha nova serra aparece ocupada polos monopolios eléctricos que foron adaptando a súa tecnoloxía e abrindo os seus negocios cara as enerxías “alternativas” ou “renovables”.
Por suposto que na FPG non somos contrarios á búsqueda e utilización de novos sistemas de produción enerxética máis limpos e menos prexudiciais para o noso medio ambiente. Pero isto é unha cousa, e outra ben distinta consentir que toda a superficie nacional quede invadida polos xigantescos muíños. Cando, ademais, poucos postos de traballo axudan a crear, e, por outra parte, o maior beneficio vai, unha vez máis para fóra de Galicia, por moito que o “noso” conselleiro de Innovación e Industria fale dunha grande fonte de riqueza. Talvez queira figurar no “guinness”, aínda que sexa como un auténtico vendepatrias.
Iremos redactando ao longo destes meses o noso escrito de denuncia, destapando o uso e abuso do negocio. Participaremos en canta mobilización se convoque en defensa da terra. Non imos parar, porque temos ben asumido aquela consigna que naceu en Compostela: “Goberne quen goberne, Galiza non se vende”.
<< Página inicial